Sunday 28 de April de 2024

A Xunta concedeu en 2023 máis de 440.000€ en axudas a medio cento de entidades parao coidado e a atención dos animais domésticos abandonados


— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións polas que se dá publicidade ás 61 achegas concedidas neste eido durante o ano pasado, das que se beneficiaron 33 entidades locais e 14 organizacións que traballan a prol da protección dos animais

— Estes fondos permitiron apoiar, entre outros, investimentos como a esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip, a vacinación, a liberación de parasitos ou a compra de equipamentos para facilitar o labor diario dos distintos centros

A Xunta de Galicia concedeu o ano pasado máis de 440.000 euros en axudas a preto de medio cento de entidades locais e asociacións protectoras de animais para apoialas no coidado, atención e manutención dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo. Así o recollen dúas resolucións publicadas hoxe polo Diario Oficial de Galicia que dan conta dos resultados doutras tantas ordes convocadas en 2023 para axudar a estas organizacións no desenvolvemento do seu labor diario.
A primeira das resolucións mostra que as achegas destinadas ás entidades locais contaron cun total de 33 beneficiarios, entre os que se atopan 29 concellos, as deputacións de Ourense e Pontevedra, o Consorcio das Mariñas e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. En total contaron cunha axuda de 230.000 euros.
Estes recursos públicos contribuíron a financiar, entre outros, os gastos relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), así como alimentos, a vacinación ou a liberación de parasitos.
A segunda resolución recolle as 28 achegas concedidas a 14 asociacións inscritas no Rexistro galego para a protección e defensa dos animais de compañía por un importe global de máis de 210.000 euros. Neste caso, ademais dos gastos subvencionables aplicables ás entidades locais, tamén se inclúe a compra de material non funxible como a adquisición de equipamentos como remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico e dispositivos electrónicos para mellorar a xestión dos distintos centros ou equipamento veterinario. Estas entidades poden beneficiarse ademais de achegas dirixidas a apoiar a realización de campañas de concienciación sobre a tenza responsable e a adopción de animais abandonados.
Precisamente, nestes momentos están abertas as convocatorias para este ano de ambas liñas de axudas -tanto para as entidades locais como para as asociacións protectoras- cun orzamento de 450.000 euros. As entidades interesadas en acceder ás achegas poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 13 de setembro.